Blogia
ISRAelPROFEDELENGUA

I Romaría popular das Letras Galegas

I Romaría popular das Letras Galegas

Este luns celebrouse a macrofesta das Letras Galegas, unha "romaría popular" onde houbo de todo, e de todo moi bo. Primeiro unha espectacular comida a base de polbo, empanada e churrasco a fartar. Logo o concurso de larpeiradas, no que Alba Rodríguez acadou o primeiro premio, e que reuniu nunha mesma mesa dezaséis sabrosísimos postres caseiros que un xurado especializado encargouse de catar. A continuación unha ración de muiñeira a son de gaitas e panderetas. Logo, todos sentadiños para ver as "Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela" de Manuel María, obriña teatral estupendamente representada por rapaces de 1º. Despois veu o bautismo da vella aula de audiovisuais como aula "Xesús Taboada Chivite" en homenaxe a este destacado verinense que tanto fixo pola cultura nesta bisbarra, como nos lembraron Carmen a directora, e o propio fillo de Taboada Chivite. E finalmente, de volta ó comedor reconvertido en salón de actos, para ver e escoitar a unha ampla representación de rapaces e rapazas recitando poemas dos escritores galegos máis loubados e cantando e tocando pezas musicais con xilófono incluido. E para rematar, a entrega de premios do concurso de larpeiradas -mirade o Blog do Equipo de Normalización Lingüística para ver as receitas- e mais do concurso de marcapáxinas, no que destacaron as fermosas creacións de Elisabeth, Yolanda e Nayara (na marxe dereita do blog podedes ver o das dúas primeiras, e non vos perdades o "slide show" de Serafín). En fin, unha festa do corpo e da mente, un éxito de participación (felicidades ós rapaces que participastes) e de organización (felicidades ó equipo da Biblioteca, ó Departamento de Galego, de Educación Plástica e Visual, e ó Equipo de Normalización, tamén a Luciano e as cociñeiras por suposto). Eu, dende logo, apúntome a unha II Romaría Popular agora mesmo, pero o que é máis importante, apúntome a un instituto que aínda que pequeniño, amosa tanta vitalidade, creatividade e entusiasmo por facer cousas novas. Un placer compartir a nacionalidade baronceliana con todos vós.

A secuencia deste día tan intenso tédela nesta reportaxe fotográfica.

 

0 comentarios