Blogia
ISRAelPROFEDELENGUA

Celso Emilio Ferreiro e a maldición de Babel

Celso Emilio Ferreiro e a maldición de Babel

Hai uns días celebrouse en toda Galicia o Día das Letras Galegas, un Día que no noso centro convertiuse nunca auténtica festa da mente e dos sentidos, da que disfrutamos todos os membros da comunidade educativa baronceliana. Eu levaba tempo barallando escribir unhas pequenas reflexións que me rondaban a mente, e hoxe paréceme un bo día para compartilas convosco, non antes de sumarme á homenaxe, non ó galego coma lingua, que coma lingua non sente nin padece, senón ós milleiros de homes e mulleres –eses que sí sentiron e padeceron- que polo sinxelo feito de falar galego, foron mal vistos ou mesmo desprezados polos seus veciños, e ignorados ou mesmo perseguidos polas administracións que os gobernaban. Por iso intelectuais do século XX coma Castelao, Risco, Cabanillas… xunto con outros de menos relevancia pública, deben ser valorados coma merecen, máis que polos seus ideais políticos (que cada quen é libre de compartir ou non) pola súa loita a prol da dignidade dos galegofalantes. Hoxe a Constitución e o Estatuto amparan esta dignificación, e están obrigadas a garantir os dereitos de todos os galegos, falen a lingua que falen, pero iso seguirá sendo papel mollado mentres haxa unha persoa que se avergoñe de falar o galego, ou haxa unha persoa que humille a outra por falar galego.

A maioría dos habitantes do Castro de Baronceli, e entre eles os xornalistas que fan posible LaGaZetaDeTerZero, teñen coma lingua nai o galego, e empregan o galego con naturalidade alá onde van. O orgullo de ser coma un é, de non renunciar ás raíces, de falar a lengua dos antergos, son alicerces fundamentais sobre os que crecer coma persoas. Diso vai un pouco o famoso -e fermoso- poema "Deitado frente ao mar", de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, que tamén foi recitado durante a pasada Romaría Popular do Baronceli. Ferreiro di respecto a lingua galega: " eu fáloa porque sí, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña". A verdade, non se me ocorre mellor xustificación para falar unha lingua. Perfecto. Pero Ferreiro uns versos máis abaixo arremete contra os seus propios compatriotas que se avergoñan de falar o galego chamándoos "patufos desleigados, pequenos mequetrefes sen raíces". Podo entender a euforia patriótica, a reprimenda contra a diglosia tan extendida, o chamamento ó orgullo da lingua, pero... ¿un galego castelánfalante é un "patufo desleigado"? ¿"Un pequeno mequetrefe sen raíces"? ¿Non é isto xulgar a alguen pola lingua que usa?

Un dos maios que fixeron os alumnos do Baronceli recordoume estes versos de Celso Emilio: No noso instituto / falamos galego / algúns profesores / non queren facelo. / Din que é mellor / falar castelán / o galego é bruto / e soa fatal. // Que non se confundan / que é o noso idioma / falámolo na casa / e tamén na escola. O espírito da copla está afortunadamente ben lonxe do enfermizo autoodio tradicional dos galegofalantes doutras xeracións, pero pásase co entusiasmo, cando acusa a algúns profesores de teren graves prexuicios sobre o galego, prexuicios que me custa moito crer en persoas ás que se lles presume un nivel cultural alto. Se é así, dende logo, estes mestres debían tomar a súa xornada de reflexión particular; pero eu coido que non hai tal, mais ben que, ó contrario, a copla cae precisamente no prexuicio que quería atacar: todo o que non fale galego é antigalego, ou coma pouco é un desnaturalizado que deshonra a memoria dos nosos devanceiros... Outra vez, xulgar as persoas pola lingua que usan, e non polo que din con elas.

Como vemos, a verdadeira normalidade na convivencia dos falantes de galego e de castelán aínda está por chegar. Nesta “guerra das linguas” que ás veces azouta o noso vivir diario todos saemos perdendo, os que falamos galego e os que falamos castelán. É infantil e vaidoso que ante a chea de problemas da nosa sociedade, que necesitan de toda a nosa concentración, colaboración e solidariedade, esta “guerra das linguas” ocupe tantas horas de análises e discusións, e que estas polémicas estén viciadas por posturas políticas máis ou menos enquistadas dun signo ou doutro. Pero a realidade é que ós máis xóvenes, ós representantes das futuras xeracións de avogados, albaneis, xornalistas, mecánicos... todavía pódeselles escoitar que fulano que fala castelán é un “pijo” e que mengano que fala galego é un “paleto”, estigmas que -repito- tratan de clasificar as persoas non polo que din, senón polo idioma que usan para dicilo.Nestas circunstancias, o noso labor como educadores segue a ser fundamental, en tanto que debemos correxir estes prexuicios e en ningún caso fomentar complexos, diglosias, aversións ou conflictividades de tipo ningún.

Unha perspectiva que sen querelo favorece esta belicosidade lingüística vén de aplicárselles ás linguas unha categoría que na miña humilde opinión non teñen. As linguas non son tanto un ben cultural en sí mesmas coma un instrumento para espallar a cultura; as linguas non son tesouros de sabedoría en sí mesmas, son formas de informarnos e coñecernos máis os uns ós outros; as linguas non son etiquetas políticas, senón medios para acadar acordos; as linguas non son divinidades que adorar, senón xeitos de expresar a nosa humanidade: os nosos medos e os nosos soños, os nosos gozos e as nosas penas. Por contra, imaxinemos dous albaneis en pé, discutindo días enteiros se para levantar un tabique esta paleta é mellor que aquela, cando poderían coller cada un cadansúa paleta, colaborar, levantar a parede nun cuarto de hora e adicar ó resto do día a facer o que lles petase. As linguas seguen sendo obxectivamente unha ferramenta de comunicación, a máis valiosa, pero nunca serán máis importantes que as persoas, que o bo ou o malo que todos nós poidamos facer. Cadaquén é libre de elixir a lengua que quere falar, mesmo o momento no que quere falar unha ou outra, e ten ademáis o dereito e o deber de elixir sen prexuicio ningún, sen presión ningunha, segundo as súas circunstancias, os seus interes...

No noso contexto, aínda que son innegables as oscuras circunstancias políticas do pasado que contribuiron a un bilingüismo pouco ou nada harmónico, coido que na actualidade, nesta nova sociedade da información, nesta aldeíña global, o devandito bilingüismo non debe ser considerado unha carga, un problema ou unha preocupación, senón unha riqueza, en canto aumenta as nosas posibilidades potenciais de comunicación. Se o bilingüismo (o trilingüismo, o tetralingüismo…) é un obstáculo para a nosa convivencia, en troques de ser unha sorte e unha bendición, entón non seremos nunca quen de levantar unha triste parede, de loitar por un mesmo obxectivo, e seguiremos por sempre coa maldición de Babel, cando o feito de falar linguas diferentes foi un inconvinte insuperable para que os homes puidesen levantar a Torre, o soño común que todos os homes tiveran, no que todos os homes puxeran os seus esforzos e as súas esperanzas.

0 comentarios